SEXUALFRAGE
A abondosa literatura sobre o problema dos sexos non é máis que outra das formas da ofensiva que a sociedade occidental emprendeu en contra de si mesma, tratando de desfacer ela mesma os fundamentos en que repousa, nun delirio de autodestrucción. Xa me ocupei deste asunto neste mesmo escrito.
As máis das veces, libros científicos de gran estilo, folletos de propaganda, revistas ilustradas ou non, nos que se fala dos sexos, do amor, do casamento, dun novo concepto da familia, a base, máis ou menos disfrazadamente, de liberdade de amar, de matrimonio de camaradaxe, de desprecio á virxinidade, de anticoncepcionismo, non son máis que unha verdadeira pornografía que vive da explotación económica da líbido, da luxuria cerebral de vellos estragados e rapaciños covardes que con eses escritos isoladamente se consolan e gobeman. Pornografia que fornece ricos ingresos a autores e a editores, coma que non hai máis seguro negocio na libreria.
Proxenetismo científico-literario exercido, máis que coa complicidade, coa intervención da Universidade e do Protomedicato. Hai médicos que exercen esta industria, non soamente na súa forma literaria, senón tamén no exercicio profesional: hai doncelas que se entregan ao varón por prescrición facultativa. A ciencia chegou xa a exercer este mester que inmortalizou á Trotaconventos e mais á Celestina. En Berlín, hoxe, Trotaconventos e Celestina campan coa borla doutoral.
Sinxelamente: o fomento científico do vicio, a base de bioloxía e de psiquiatría freudiana e de endocrinismo e demais chafalladas Que non é outra cousa máis que vicio, iso do amor libre, ao que tenden estas propagandas, máis ou menos directamente. Non hai, non pode haber amor libre; o que chaman amor libre non é máis que viciolibre. O amor, por natureza, é servidume; onde hai liberdade non hai amor. O amor non se pode reducir a un asunto de sexos. A virxinidade, o casamento, a fidelidade, os fillos, son cousas que requiren alma, que requiren sentimento, que requiren virtude, que custan esforzo e sacrificio. Estes pobres de espirito, estes covardes, estes egoístas que compoñen o mundo moderno, non teñen folgos nin arnaces para ningún esforzo, para ningún sacrificio. Pésalles a moral porque non teñen coraxe para ela, porque son menos homes que os de antes; o que queren é aforrar traballos e daríle gusto ao corpiño. E non fallan doutores sen vergonza nin literatos cínicos para xustificaren a súa larchanería. Velaqui o segredo do problema sexual.
Nenhum comentário:
Postar um comentário